Nin refuxio, nin comida: o eucalipto reduce á metade a presenza de aves nos montes galegos




Un estudo da USC recomenda intercalar faixas de especies autóctonas para mitigar o impacto dos eucaliptais na avifauna 


“O eucalipto, a nivel evolutivo en Galicia, é un alieníxena. É tan extraterrestre que se integra moi mal na nosa terra”. Son palabras do investigador Fernando García-Fernández, do departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago (USC), que vén de rematar un novo estudo sobre o impacto negativo dos eucaliptais na biodiversidade de Galicia, neste caso, centrado no mundo dos paxaros.


As conclusións son claras: a presenza e variedade de aves redúcese á metade nos montes de eucaliptos en comparación coas masas de árbores autóctonas. Unha afirmación que, con todo, non é nova, como recoñece o propio líder da investigación. Si o é a identificación dos porqués detrás da desaparición de avifauna nos eucaliptais. E teñen que ven coas propias características da árbore, que non achega valores dos que poidan tirar os paxaros para a súa supervivencia.


A simbiose é a relación entre organismos de especies distintas na que, cando menos unha delas, tira proveito da outra. Pode ser de tres tipos. A mutualista, na que as dúas especies saen beneficiadas (como as abellas e as flores no proceso de polinización); a parasitista (unha saca proveito en prexuízo do outro) ou a comensalista. Este último sería o caso dos paxaros e as árbores, que nos seus ocos ou ramas permiten aniñar os primeiros sen que isto lles supoña un problema. E, ademais, moitos deles tamén son fogar de artrópodos e vermes que serven de alimento ás aves que, en ocasións, tamén exercen de depredadores de organismos que ameazan as árbores.


No caso dos eucaliptos e os paxaros, en Galicia non se dá esta relación de simbiose. A árbore introducida na comunidade galega e que prolifera nos nosos montes non serve de refuxio para os paxaros, porque a forma dos seus troncos e ramas non ten os buratos para que se introduzan neles a facer os seus niños. E tampouco teñen os vermes que as aves precisan para se alimentar, porque son árbores que teñen as resinas e aceites esenciais moi protexidos dentro das súas codias. Tampouco os exemplares máis altos, eses eucaliptos de altura “descomunal”, serven para que alí aniñen os paxaros. As súas ramas tampouco son fogar para as aves e tardan uns 100 anos en desenvolver os ocos no seu tronco que poidan servir de niño.


“Os eucaliptos son árbores moi exóticas. Están moi afastadas do que temos nós tradicionalmente nos nosos montes”, sinala Fernando García-Fernández, que incide en que os paxaros “non teñen onde aniñar nin onde comer” nos eucaliptais. Así se explica o “baixísimo” nivel de biodiversidade que presentan os montes de eucalipto, como volveu quedar reflectido neste estudo que será publicado definitivamente en xuño na revista científica Forest Ecology and Management.


Faixas diversas: unha posible solución

A solución piloto que propoñen os investigadores da USC é a configuración de faixas de vexetación libres de eucaliptos entre as plantacións desta especie que cobre gran parte da xeografía galega, especialmente nas provincias de Pontevedra, A Coruña e o norte de Lugo.

A idea é intercalar parcelas de monte de especies distintas ao eucalipto para aumentar a heteroxeneidade das masas forestais con árbores maduras. Sen entrar en como se desenvolvería este concepto, García-Fernández sinala que podería ser a vía para mellorar a presenza e abundancia de aves forestais.

A nivel paisaxístico, estas masas distintas intercaladas facilitarían tamén o desprazamento das aves, servindo como unha sorte de “estacións” de paso, xa que esquivan deterse nas plantacións de eucaliptos ao non atopar alí as condicións que precisan. Pola súa banda, esta variedade tamén redundaría en beneficio dos propios eucaliptos, que poderían verse beneficiados das características depredadoras de paxaros, morcegos e outros insectívoros para librarse dalgunhas pragas que os ameazan.


Leia também:

Referencia: Eucalyptus cover as the primary driver of native forest bird reductions: Evidence from a stand-scale analysis in NW Iberia (Publicado en Forest Ecology and Management)



Data: 14-04-2025




Fontes/Links:

https://www.gciencia.com/medioambiental/nin-refuxio-nin-comida-o-eucalipto-reduce-a-metade-a-presenza-de-aves-nos-montes-galegos/

https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0378112725002221

ΦΦΦ 

Sem comentários:

Enviar um comentário

Obrigado pelo seu comentário!